Ponte Caldelas perde a Festa Sevillana, que as Mulleres Rurais 'Aires del Norte y Olé' trasladan a Fornelos de Montes
Por Redacción
A asociación de Mulleres Rurais 'Aires del Norte y Olé', con sede en Ponte Caldelas, anuncia que traslada a súa segunda Festa Sevillana ao municipio de Fornelos de Montes os días 1 e 2 de xuño.
O motivo do cambio de localización, cando a primeira se celebrara en Ponte Caldelas, atópase na "falta de colaboración sobrevenida expresada polo alcalde Andrés Díaz". Segundo relatan o venres 17 de maio, de maneira inesperada, traballadores do Concello expresaban a integrantes da xunta directiva de Mulleres Rurais o desexo do alcalde de que non se realizara este evento e que non recibirían o apoio institucional que si se ofreceu na edición de 2018 nin tampouco a colaboración económica do Concello para a contratación da carpa.
A asociación sinala que xa tiñan en cátering contratado, ao igual que os elementos fundamentais para a celebración. "Non busca máis que castigarnos e exercer sobre nós unha auténtica persecución política igual que sucedeu recentemente cos membros do colectivo Amigos da Troita cando os expulsou para poñer aos membros da candidatua do Partido Socialista a repartir troitas polas aldeas", afirman desde o colectivo organizador.
As representantes de Mulleres Rurais 'Aires del Norte y Olé' afirman estar indignadas e consideran que foron relegadas ao exilio. Amosan o seu disgusto co alcalde que asistíu á primeira edición da festa. Ademais, aseguran, que a asociación sempre colaborou con aquelas cuestións para as que se lle ten requerido.