Susto na praza da Verdura pola nube de fume provocada por un pequeno incendio na papeleira dun bar
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/f12/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5cdda4303e-20190516_174827.jpg)
© PontevedraViva
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/9a8/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5cdda47192-20190516_174253.jpg)
© PontevedraViva
A Policía Local e os Bombeiros de Pontevedra acudiron na tarde deste xoves ata a praza da Verdura ante a alarma xerada ao saír unha densa nube de fume do interior dun establecemento de hostalería que neses momentos estaba pechado. A orixe resultou ser un pequeno lume iniciado nunha papeleira situada dentro da barra do local.
Veciños e viandantes alertaron ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 sobre as 17.30 horas da tarde porque estaba a saír fume pola porta do establecemento Pintxo Viño. Inmediatamente, desprazáronse ata o lugar dúas dotacións dos Bombeiros de Pontevedra e efectivos da Policía Local.
Os policías acordoaron a zona para evitar que a numerosa cantidade de curiosos que se atopaban no lugar se achegasen ao edificio afectado mentres os bombeiros accederon ao interior do local para tentar localizar a orixe do fume e sufocalo.
Segundo explicaron os bombeiros, empezara nunha papeleira e, dado que o local estaba pechado, foise acumulando fume no interior ata que finalmente acabou saíndo á rúa. O lume era tan pequeno que se sufocou rapidamente, pero prolongáronse máis as tarefas para ventilar o establecemento. A intervención dos bombeiros prolongouse durante ao redor dunha hora.