O edificio da Cañota segue con futuro incerto, a súa grúa ten os días contados
Por Redacción
A entrada ao barrrio da Cañota, en Marín, leva anos coa mesma imaxe. Un edificio paralizado e unha grúa de obra de grandes dimensións esperando a que se continúen os traballos. O futuro da construción segue sen aclararse, pero a fotografía vai cambiar. A grúa retirarase o martes 23 de outubro e as casetas de obra en datas próximas.
Dende o Concello de Marín sinalan que "dende hai meses" traballan "na posibilidade de retirar a grúa que esta situada dende hai moito tempo na construción que está parada á entrada da Cañota" en resposta ás peticións realizadas "en reiteradas ocasións" polos veciños do barrio.
Os veciños encóntranse "moi afectados pola existencia desta grua que foi colocada para realizar a obra que se encontra sen finalizar e que provoca que, ademais, non poidan acometerse as reparacións necesarias para poder sanear esta beirarrúas".
Para darlles resposta, o Concello realizou xestións para retirala tanto co promotor da obra, Belino Marín, coma coa empresa propietaria da grúa, Maga Vigo.
A retirada farase efectiva o martes. Para permitir que se fagan sen incidentes, xa se realizaron as xestións oportunas, que pasa polo pagamento de taxas por ocupación de vía pública da grúa auxiliar e a notificación á Policía Local da retirada de vehículos para proceder ao desvío do tráfico durante toda a xornada.