Xulgan tres empresarios de Pontevedra por unha suposta estafa inmobiliaria en Brasil
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para este martes 14 de maio un xuízo por unha suposta estafa que sentará no banco a tres empresarios.
A Fiscalía esixe tres anos de prisión para tres acusados de adquirir no ano 2008 terreos en Brasil e propoñerlle a unha promotora inmobiliaria de Pontevedra desenvolver neles un proxecto de construción dun complexo turístico xunto ás praias de Búzios.
Sostén que os acusados fixeron súas as cantidades achegadas pola promotora e que non levaron a cabo "nin unha soa actuación dirixida á realización do proxecto". O fiscal tamén pide que abonen á empresa afectada unha indemnización de 157.000 euros correspondente á cantidade aportada.
O caso procede do xulgado de instrución número 1 de Pontevedra.