Convocan unha folga indefinida na recollida do lixo en Marín
Por Oskar Viéitez
Os traballadores da empresa Recolte, concesionaria do servizo de limpeza viaria de Marín, convocaron unha folga indefinida a partir do sábado 18 de maio.
O motivo desta folga, segundo informa o sindicato Comisións Obreiras, débese á "persistente negativa da empresa en establecer posturas de encontro cara á firma dun novo convenio que garanta que o persoal non perda poder adquisitivo".
A Federación de Construción e Servizos de Comisións Obreiras considera "ridícula" a última proposta patronal que establece incrementos inferiores a subida do propio IPC, "incidindo desta maneira na consolidación de emprego precario".
Por outra banda, desde este sindicato din que se viron "obrigados a tomar esta vía de conflito tras a perpetua intransixencia da empresa" e tamén ante o "deixamento e indiferenza coa que a propia alcaldesa de Marín está a ser partícipe na resolución deste conflito".
Os traballadores reivindican que se "dignifique" o seu traballo mediante a negociación dun convenio "con incrementos dignos" xa que aseguran non ser culpables "nin da mala xestión da actual empresa, nin da irresponsabilidade da alcaldesa" xa que culpan a María Ramallo de "permitir sacar un prego de condicións que non salvagarde unhas condicións laborais mínimas".