Marín inicia os trámites para converter o Lago de Castiñeiras en ENIL
Por Redacción
Protexer o valor natural do Lago de Castiñeiras, o principal espazo ambiental de Marín. É o obxectivo do goberno municipal que, da man das comunidades de montes de San Xulián e Santomé de Piñeiro, iniciou os trámites para solicitar a declaración do lago como un espazo natural de interese local (ENIL).
A intención é que todo o ámbito de Castiñeiras e Cotorredondo, unha extensión de case 39 hectáreas, teña a consideración desta figura de protección ambiental.
O ENIL permitirá, recordan desde o Concello, conservar e manter os diferentes hábitats de forma compatible co uso público e o aproveitamento dos seus recursos naturais e potenciar o uso social mediante actividades de dinamización turística, comunicación e participación medioambiental.
Se se declarara provisionalmente como ENIL, cuestión que decide a Xunta de Galicia, Marín terá un prazo de dous anos para achegar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o plan de conservación deste espazo, para que se produza a súa aprobación definitiva.
Co inicio do expediente, o Concello comprométese formalmente a poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que motivan a declaración, así como a elaborar o correspondente plan de conservación e de uso público destes espazos.
O goberno municipal agarda que este trámite conte coa unanimidade da corporación local ao entender que é preciso unha "aposta firme" polo lago de Castiñeiras.
Relacionadas:
-
O Lago de Castiñeiras, máis cerca de converterse en ENIL
Por Redacción |
-
O Lago de Castiñeiras volve ser punto de recollida de auga en emerxencias
Por Redacción |
-
Os comuneiros de San Xulián propoñen a protección ambiental do Lago de Castiñeiras
Por Almu Dapena |
-
Marín crea roteiros no Lago de Castiñeiras para desenvolver o Plan de protección arqueolóxico
Por Redacción |