Unha visita á Policía Autonómica culmina a quincena das profesións na escola infantil da Xunta
Por Redacción
A Escola Infantil da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra pechou este mércores a súa quincena das profesións, na que as familias dos nenos explicaron o seu día a día laboral. Os pequenos recibiron a visita e a charla dunha arqueóloga, dun futbolista, dun avó dentista e de dous enxeñeiros.
O colofón foi unha visita ás instalacións da Policía Autonómica, na que os alumnos de 2 a 3 anos da Escola Infantil da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra recibiron unha pequena charla dos axentes e puideron coñecer o material e as ferramentas de traballo destes profesionais.
Os máis pequenos familiarizáronse así co uniforme de policía, os vehículos adaptados, as sinais de control ou os conos de sinalización. Posteriormente subíronse aos vehículos e prenderon as sirenas.
Durante as dúas últimas semanas, as familias involucráronse para amosar aos nenos cales son as súas responsabilidades laborais durante o tempo que os rapaces pasan no centro. As actividades continuarán no próximo mes de xuño cunha saída ata o río Gafos para explorar e coñecer o medio ambiente.