Municipios da área metropolitana de Porto interésanse polos centros comunitarios de compostaxe
Por Redacción
Os oito concellos portugueses agrupados na área Gran Porto miran cara o sistema de compostaxe de Pontevedra. Unha delegación lusa acudiu á cidade para comprobar o funcionamento dos centros comunitarios ao entender que son unha alternativa á recollida diaria de lixo orgánico.
Técnicos e responsables de LIPOR, o servizo supramunicipal de xestión de residuos dos municipios de Porto, Espinho, Gondomar, Maia, Matosinhos, Póvoa de Varzim, Valongo e Vila do Conde, visitaron este martes os composteiros de Eduardo Pondal, A Parda, Camiño de Ferro e Ponte Boleira para analizar o seu modo de emprego.
Estiveron acompañados polos técnicos municipais e provinciais que están ao fronte da implantación e seguimento do proxecto.
A concelleira responsable, Carme da Silva, intercambiou impresións cos integrantes da delegación lusa, moi interesados en ter información deste sistema de recollida e tratamento de residuos orgánicos que se está implantando en Pontevedra.
Os municipios agrupados en Gran Porto suman arredor de un millón de habitantes e tratan unha media de 500.000 toneladas de residuos anuais.
Actualmente, segundo explicaron na súa visita a Pontevedra, están na busca dun sistema complementario ao seu método de recollida de lixo orgánica e consideran que os centros comunitarios que hai en Pontevedra poden ser unha alternativa, especialmente nas zonas máis afastadas dos centros urbanos.