Os bombeiros liberan o condutor dun turismo que se saíu da vía na AP-9
Por Redacción
Os bombeiros do Parque de Pontevedra tiveron que intervir na tarde deste martes para liberar unha persoa que quedou atrapada no interior dun turismo que se saía da vía cando circulaba pola AP-9, en sentido norte, ao seu paso pola capital da provincia.
O único ocupante, segundo a información facilitada polo servizo de Emerxencias do 112, recibía asistencia médica no lugar do impacto e posteriormente foi evacuado a un hospital da cidade por unha ambulancia do 061-Urxencias Sanitarias.
O accidente producíase ao redor das 17.00 horas. Varios condutores puxéronse en contacto co centro de emerxencias para dar conta da presenza dun coche que envorcara fóra da vía á altura da parroquia de Salcedo, no quilómetro 135 da autoestrada.
Axentes da Garda Civil de Tráfico trasladáronse ata o lugar para realizar tarefas de control e de seguridade na circulación.