A Xunta adxudica o saneamento integral da Reigosa con 5.800 metros de colectores e unha depuradora
Por Redacción
A Xunta de Galicia acaba de adxudicar en 700.590 euros as obras da rede de saneamento e construción da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) da Reigosa no Concello de Ponte Caldelas, isto é, o saneamento integral deste núcleo de población.
A empresa adxudicataria, das 39 que se presentaron ao concurso público, conta agora cun prazo máximo de 18 meses para a execución dos traballos. As obras iniciaranse este verán, e o Alcalde espera que se finalicen durante o verán de 2014.
Coa contratación destas obras concrétase un dos compromisos electorais adquiridos polo alcalde de Ponte Caldelas, Perfecto Rodríguez, cos veciños da zona e dá tamén cumprimento ao acordo alcanzado entre o rexedor e o propio conselleiro de Medio, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández nunha reunión mantida en Santiago para abordar diversos temas de interese para o municipio.
O proxecto a executar considera a instalación de colectores para a rede de saneamento no núcleo da Reigosa así como a construción dunha EDAR para dar servizo aos habitantes deste lugar. A obra inclúe toda a rede de colectores nos camiños do núcleo da Reigosa (máis de 5.800 metros lineais) e recollerá as augas residuais fecais por gravidade. Ademais, instalaranse un total de 171 pozos de rexistro.
Segundo Perfecto Rodríguez, "esta obra axudará a mellorar a calidade de vida dos veciños do núcleo da Reigosa dotándoos dun servizo de saneamento axeitado. Cando entre en funcionamento permitirá a eliminación de foxas sépticas que son importantes focos contaminantes, polo que se optimizará considerablemente a calidade ambiental da zona".
O compromiso da Xunta era ter executadas estas obras a finais deste ano, tendendo en conta que a licitaron o ano pasado, pero a convocatoria de eleccións galegas e o conseguinte atraso na aprobación dos presupostos da Comunidade Autónoma atrasaron tamén os prazos legais da súa adxudicación.