Moraña agarda polo visto bo de Patrimonio para ampliar o polígono de Afieiras
Por Redacción
O Concello de Moraña está a ultimar a ampliación do polígono de Afieiras cunha superficie de 118.508 metros cadrados para usos industrial e terciario-comercial e unha ampla franxa de zonas verdes para separar axeitadamente este espazo empresarial das áreas residenciais actuais e das súas zonas de expansión.
O Concello, que xa aprobou inicialmente o desenvolvemento deste Solo Urbanizable Delimitado (SUD-04), vén de recibir todos os informes sectoriais coa correspondente autorización a este proxecto e só está pendente de acadar o da Dirección Xeral de Patrimonio, que adoita ser o último nestes procesos. Ademais, de xeito paralelo, veñen de resolverse todas as alegacións presentadas, coa aceptación da maioría delas e a imposibilidade de recoller unhas poucas por cuestións legais.
Esta ampliación contempla que as case 12 novas hectáreas do parque empresarial se distribúan nun 90% para uso industrial e o 10% restante para terciario-comercial, sitúando este solo na contorna do tanatorio. Deste xeito, e dado que o coeficiente de construción fixouse en 0,7 metros por metro cadrado, disporase dunha edificabilidade máxima de 80.433 metros, que se estima “unha dotación suficiente para futuros desenvolvementos que ademais garante a súa sostenibilidade medioambiental”, segundo describe o proxecto técnico. A altura máxima das naves será de dez metros.
Polo demais, o plan de ampliación prevé a incorporación de 8.148 metros cadrados para novas vías e unha solución axeitada para a conexión do polígono coa estrada autonómica PO-221 a través dunha vía principal e dunha gran rotonda que desviará o tráfico pesado do núcleo urbano de Santa Lucía. Tamén haberá unha nova conexión entre o lugar de Grixó e a capital municipal para completar a trama viaria.
Finalmente, construiranse un tanque de tormentas, que axudará na rega das zonas verdes, e as conexións co sistema de abastecemento e depuración, xa que os actuais dispoñen de capacidade suficiente para atender toda a zona de ampliación.