Ana Pontón pide revalidar a confianza no equipo encabezado por Nito Sobral para que Poio siga avanzando
Por Redacción
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón pediu este luns a confianza e apoio dos veciños de Poio para que o equipo encabezado polo actual alcalde, Nito Sobral "continúe poñendo en marcha medidas destinadas a mellorar o concello".
No acto celebrado nos Xardíns de Ferreirós, Pontón destacou que "Nito Sobral é un home ao que non lle gusta a crispación e sempre escolle escoitar e traballar polo ben común" e que "leva demostrado un grande compromiso con Poio", e por iso pediu o apoio para un "equipo sólido, con experiencia, con rumbo certo para que o concello de Poio siga mellorando os seus servizos públicos e por máis calidade de vida".
"SEGUIR HUMANIZANDO O CONCELLO"
Pola súa banda, o actual alcalde de Poio, Nito Sobral destacou o traballo realizado durante estes catro anos coa execución de máis de 15 millóns de euros en investimentos entre os que mencionou as beirarrúas de Campelo, a humanización da Seara, a seguridade vial na PO-308 e a reposición da rede en alta do subministro de auga "sen esquecer as políticas sociais, medioambientais, culturais e deportivas ás que foron destinadas a maior parte dos recursos".
Nesta liña, avanzou que a día de hoxe, o concello de Poio xa ten comprometidos con outras administración tres millóns de euros para novos proxectos como o parque forestal en Combarro e Samieira, infraestruturas municipais con grande aforro enerxético, a implantación de sistemas de compostaxe na recollida de lixo e a segunda fase de seguridade vial da PO-308 entre As Badancas e Covelo.
DEPURADORA
O actual rexedor de Poio tamén se referiu a futura depuradora de residuais para Raxó e Samieira, unha nova alternativa á PO-308, o vial do Vao, un Pavillón polideportivo, o polígono industrial, un centro de saúde e de maneira principal a humanización das contornas urbanas, melloras que "sen dúbida algunha, dixo, farán do noso concello o lugar no que todos e todas vivamos rodeados dos servizos necesarios e nas mellores condicións".
Finalmente, afirmou que todos estes proxectos non serían posibles "sen a dedicación" dos membros da candidatura do BNG, "persoas que comparten o traballo e o compromiso para que Poio siga medrando en calidade de vida para todos os seus veciños e veciñas".