O PP urxe a adhesión do Concello ao fondo social de vivendas promovido polo Estado
Por Redacción
O Partido Popular solicitará o luns á corporación municipal que acorde a adhesión de Pontevedra ao convenio para a creación dun Fondo Social de Vivendas asinado o pasado xaneiro entre a Administración Central, distintas institucións e máis de trinta entidades bancarias para facilitar aloxamento en réxime de aluguer a familias desafiuzadas en risco de exclusión.
A moción do PP presentada ao Pleno do luns matiza que na relación publicada con data 29 de maio figuran varias vivendas situadas no municipio pontevedrés entre as incluídas neste proceso, "pero sorprendentemente o Concello segue sen sumarse ao mesmo, impedindo deste xeito a ocupación das mesmas", sosteñen os populares.
O voceiro popular, Jacobo Moreira, que é quen asina a iniciativa, explica que en virtude desta iniciativa disponse de inmobles propiedade das corporacións financeiras para facilitar aloxamento a persoas desaloxadas do seu domicilio habitual e nas que concorran circunstancias de especial vulnerabilidade. As vivendas póñense a súa disposición con rendas entre 150 e 400 euros ao mes, cun límite máximo do 30% dos ingresos totais da unidade familiar e cos gastos a conta do titular.
Á hora de avaliar se o solicitante concorre en risco de exclusión social, deberá solicitarse o correspondente informe aos servizos socias do Concello, sempre e cando estea adherido ao convenio.