Juan Manuel Rey, candidato do PSOE á reelección despois do "mellor mandato da democracia" en Caldas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Juan Manuel Rey estivo arroupado este sábado polo secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa súa presentación oficial como candidato do PSOE á reelección como alcalde de Caldas de Reis nas próximas eleccións municipais do 26 de maio.
O alcaldable destacou que "chegamos a estas eleccións cos deberes feitos" despois do "mellor mandato da democracia" no municipio, no que se conseguiron logros como o PXOM, a compra da finca da Fábrica da Luz (Fenosa), a compra de dúas fincas na Ferrería destinadas ao desenvolvemento da Escola Taller e da Escola de Música ou a revalorización do Camiño de Santiago ao seu paso por Caldas.
Na súa presentación acordouse de todos de todos os concelleiros socialistas que ao longo dos últimos 40 anos teñen exercido responsabilidades de goberno no concello, pois "en Caldas ser socialista é un prestixio grazas a eles".
O alcalde e candidato a reelección contou cun amplo respaldo de cargos orgánicos e institucionais do partido. Paula Fernández, vicesecretaria xeral provincial, fixo un recoñecemento á política municipal "como a máis importante para os cidadáns".
O secretario xeral da agrupación, Manuel González, apuntou aos 40 anos de goberno socialista en Caldas de Reis como os responsables "da transformación do pobo, o progreso do municipio e a mellora dos servizos aos veciños", sinalando que en moitas ocasións "estando marxinado por outras administracións".
A recentemente elixida senadora Marica Adrio puxo a Caldas como exemplo "da xestión socialista, aumentando poboación e reducindo o paro".
Gonzalo Caballero destacou que cando aínda non pasou unha semana da vitoria histórica dos socialistas tanto en España como en Galicia e augurou que "chegamos ás municipais con vento de cola". "Cando hai forza e ganas, somos imparables", proclamou no auditorio municipal de Caldas.
O líder socialista puxo en valor a Juan Manuel Rey, "un alcalde de excepción", un home "comprometido" coa súa vila e "capacitado" para seguir dándolle futuro.