O xulgado embarga o salario de deputado de Telmo Martín por unha débeda do Teucro
Por Redacción
Unha débeda pendente da Sociedade Deportiva Teucro levou ao Xulgado do Social Número 2 de Pontevedra a decretar o embargo "da parte proporcional do soldo e demais prestacións que perciba o executado, Telmo Martín González, do Congreso dos Deputados".
Os xornalistas Begoña Márquez e Juan Martínez contan en páxinas do Faro de Vigo que en marzo do ano 2011, Telmo Martín se ofreceu como avalista "subsidiario" ao equipo de balonmán coa finalidade de levantar o embargo que pesaba sobre as contas do club.
Sucedeu durante a precampaña para as eleccións municipais nas que se presentaba por segunda vez á alcaldía.
Sobre o Teucro había unha reclamación de 50.000 euros instada polo xogador Coque Fontenla. A Sociedade Deportiva Teucro asinou un plan de pagamentos de acordo con Coque Fontenla. O ex capitán teucrista cobraría en quince talóns. Pero só cobrou os dous primeiros.