Manuel Pousada encabeza a candidatura do partido independente Movemento por Poio
Por Redacción
Movemento por Poio, o novo partido político independente impulsado por Manuel Pousada en Poio, presentou esta fin de semana a candidatura coa que se presenta ás eleccións municipais do próximo 26 de maio.
Pousada Villaverde, empresario e profesional de hostalería na localidade, é o único compoñente con experiencia anterior na política local nesta nova candidatura na que quixo acompañarse de persoas involucradas nos movementos veciñais e asociativos, "persoas con inquedanzas e preocupadas polo futuro de Poio".
Os postos de saída da lista ocúpanos Borja Burgos Agís, ex futbolista do R. C. Celta e Pontevedra C. F, con experiencia en xestión deportiva nos clubs que adestrou, ademais de ser un dos fundadores da asociación Raxó Club de Fútbol de veteranos; e Pilar Montes, veciña de San Salvador e funcionaria de profesión, coñecida por colaborar en eventos culturais e socias.
Completan a candidatura de Movemento por Poio Yoana María, Alberto Ferreira, José Castiñeiras Gómez, Ana Pazos, Sergio Pérez, Alicia Rivero, Úrsula Araujo, Esteban Fabián Ajís, María del Carmen Bicada, Abel Rial, Dorinda Moura, José Francisco Duarte, María Luisa Sabarís e Enrique Portela Carballa.
Movemento por Poio preséntase ás municipais co propósito de "conseguir representación na corporación e buscar, entre outros aspectos, a transparencia na xestión que no noso municipio ten unha cualificación de cero", segundo afirma Pousada, o cabeza de cartel.
No seu programa electoral inclúe a mellora do saneamento integral de Poio, así coma o abastecemento de auga naquelas zonas que carecen deste servizo, a humanización das parroquias que forman o concello e a modernización das actuais instalacións deportivas e culturais.
Movemento por Poio irrompe na política local poiense coa idea de "impulsar iniciativas que beneficien aos veciños e, desde dentro da corporación municipal, contribuír a que as cousas de fagan mellor do que se están facendo nos últimos tempos no noso municipio".