Carlos Andrés Pereira, gañador do concurso de fotografías "A cidade en imaxes: A xogar!"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O concurso de fotografías "A cidade en imaxes: A Xogar!" xa ten gañadores. O primeiro premio -dotado con 800 euros- foi para Carlos Andrés Pereira. O xurado valorou na súa imaxe "1-concurso" a localización, nunha zona céntrica da cidade recuperada para as persoas e o feito de que sexa unha imaxe dinámica, tecnicamente ben realiza e que salienta o ámbito urbano.
A primeira edición do concurso está incluída no proxecto A cidade en imaxes que promove o Concello de Pontevedra, a través da Concellería de Promoción da Cidade e Taller Abierto. É unha iniciativa vencellada ao modelo urbano, de feito a temática do certame fotográfico xirou arredor de como os nenos viven o espazo público de Pontevedra, co obxectivo de recoller testemuñas da calidade de vida e a autonomía da cativada na nosa cidade.
Ademais do gañador, o xurado premiou con dous accésits a Anna Jarque Abizanda, pola foto "Asustando gaivotas", na que valorou o dinamismo da imaxe, a súa calidade técnica e a localización na Illa das Esculturas; e tamén para Marta Comesaña Pena, pola foto "Rúa San Nicolás", na que valorou a espontaneidade, a calidez e a variedade no uso do espazo para o xogo.
O xurado do concurso "A cidade en imaxes: A Xogar!" estivo formado pola doutora en Belas Artes, artista plástica e docente Itziar Ezquieta, o arquitecto e fotógrafo Roi Alonso e polo licenciado en Belas Artes e especialista en fotografía de arquitectura José Chas.