Homenaxean ao presidente do PSOE pontevedrés co gallo do Primeiro de Maio
Por Redacción
O veterano militante Xosé Benito Gama, que foi secretario xeral da Unión Comarcal de UGT en Pontevedra, foi o protagonista dunha cea que tivo lugar este martes no restaurante Casa Digna.
No marco dos actos de conmemoración do Primeiro de Maio, a Comisión Executiva da Unión Comarcal de UGT e a Fundación Luís Tilve organizaron este acto para homenaxear ao presidente do PSOE pontevedrés.
Gama, de 78 anos, foi durante anos secretario xeral de UGT en Pontevedra e, a pesares da súa idade, continúa activo na política (vai pechando a lista da Agrupación Municipal Socialista ás eleccións do 26M).
Pertencente a unha familia de esquerdas represaliada pola ditadura, mantivo a súa militancia antifranquista na clandestinidade e afiliouse á UGT no ano 1978, formando parte da primeira Executiva Comarcal do sindicato e tamén da primeira Executiva de FETE-UGT-Galicia.
Entre os anos 1983 e 1987, Xosé Benito Gama foi concelleiro do Concello de Pontevedra polo PSdeG-PSOE e, máis tarde, converteríase en secretario xeral da Agrupación Municipal Socialista. O presidente do PSOE local foi o artífice do Premio de Xornalismo Luís Tilve, creado en lembranza do primeiro secretario xeral da Unión Comarcal de UGT en Pontevedra: a Fundación de UGT Galicia recolleu o seu nome na súa constitución, en 1989, pasando a denominarse Fundación Luís Tilve.
Gama formou tamén parte do primeiro Padroado da mesma.