Sete empresas, interesadas en iluminar a senda entre Soutullo e Major
Por Redacción
Un total de sete empresas presentaron as súas ofertas para executar as obras de instalación de iluminación na estrada PO-308, entre Soutullo e Major (Sanxenxo) cun investimento de case 614.000 euros.
Esta actuación levarase a cabo nun treito duns seis quilómetros e contempla a instalación de farois e a conexión do alumeado na senda finalizada no pasado verán.
Tamén se realizará a colocación completa de alumeado pola marxe esquerda da estrada no treito da PO-308 entre Portonovo e Major, que deberá de executarse de xeito coordinado co contrato para a construción da senda peonil e ciclista.
As luminarias son de tipo led regulables e permitirán reducir a intensidade de luz a partir da hora da noite que programe o concello. Ademais, colocaranse farois para a iluminación diferenciada nos pasos de peóns co fin de facilitar a súa visibilidade.