O recibo da auga e saneamento dos pontevedreses sube unha media do 165%
Por Redacción
O recibo da auga e da rede de sumidoiros do Concello de Pontevedra está subindo dende o 1 de xullo entre un 100% e un 300%. Como media, a estimación que fai o concelleiro de Medio Ambiente, Raimundo González Carballo, é que cada casa pontevedresa veu incremenada a factura nun 165%.
Os datos apórtaos ao tempo que anuncia que ao longo deste mes os cidadáns recibirán unha carta informativa enviada dende o Concello de Pontevedra para explicar a suba do canon de saneamento por parte da Xunta de Galicia.
Na carta que se está a remitir aos pontevedreses,o concelleiro exprica que o recibo da auga e da rede de sumidoiros de Pontevedra se está a ver incrementada dende o 1 de xullo pola incorporación do novo Canon da Auga e do Coeficiente de Vertura aprobado pola Xunta de Galicia.
O Concello sinala que "é plenamente contrario a esta medida autonómica e lembra que esta suba é independente do incremento do IVE, que tamén se está a notar na factura bimensual que os veciños están a recibir neste mes".
Raimundo Carballo remata a misiva aclarando o seu "especial interese" en que o veciño que a reciba "vexa que a variación que experimenta o recibo non é consecuencia de ningún incremento nin nova taxa municipal aplicada polo Concello de Pontevedra", responsabilizando de toda subida á Xunta de Galicia.