O consorcio turístico de Sanxenxo estrea presidente
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51b86cf41a2f4-alejandrotourino.jpg)
CC BY-NC-SA Facebook Alejandro Touriño Vázquez
O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS) ten nova cara visible. O que foi o seu presidente durante os oito últimos anos, Francisco González, deixou o cargo nunha asemblea celebrada na noite do martes e xa ten substituto, Alejandro Touriño Vázquez.
Touriño Vázquez empeza no cargo este mércores co reto de manter e promover a actividade dunha organización profesional e empresarial nacida no ano 2002 para a coordinación, representación, xestión, fomento e defensa dos intereses empresariais nun sector que xera preto do 85% do Produto Interior Bruto de Sanxenxo e o 60% do emprego local.
Actualmente o CETS conta con 120 asociados representativos dos sectores de aloxamento, restauración e actividade complementaria, e unha forte implantación no municipio de Sanxenxo.
Os seus obxectivos son xuntar o sector, fomentar e defender a empresa turística privada, promover e defender o asociacionismo e a unidade empresarial, representar e defender os intereses dos asociados ante a sociedade en xeral, e ante a Administración pública e as Organizacións sindicais en particular. Ademais, buscan iniciativas que contribúan a mellorar a calidade e a xestión das empresas turísticas e propician o desenvolvemento económico e turístico de Sanxenxo.