Rafa Domínguez pide rapidez ao Concello para facilitar terreos á Xunta para unha residencia de maiores
Por Redacción
O candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, aplaude as xestións realizadas pola Consellería de Política Social solicitando ao Concello a cesión dun terreo de titularidade municipal para construír unha nova residencia de maiores: "Demostra o compromiso do Partido Popular con Pontevedra".
A conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, remitiu unha carta ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, apelando á colaboración entre institucións como ferramenta "fundamental para mellorar os servizos públicos que ofrecemos á cidadanía". Ante tal petición, considera que o Concello debe poñer a disposición da Consellería uns terreos para que a obra sexa unha realidade e pide que a Administración municipal "sexa rápida".
"Se o BNG de Lores non axiliza o proceso antes do 26 de maio, seremos nós os que o fagamos despois das eleccións municipais", sostén Rafa Domínguez, que opina que Pontevedra debe aproveitar esta oportunidade e non atrasarse nas tramitacións.
Respecto diso, lembra que o seu partido xa denunciou en varias ocasións que existe un tapón no concello do que é responsable o BNG e espera que "a situación cambie" e "iso non afecte o proxecto". Pide, en concreto, "que o Concello se poña as pilas".
Domínguez ve "unha mágoa" que a iniciativa tivese que partir da Xunta e non do propio Concello e cre que Lores estivo durmindo todo este tempo. "Ser alcalde implica liderar, pero cando un leva xa 20 anos no poder e está canso, o liderado pasa a ser un recordo do pasado", criticou Domínguez