A presenza de fume provoca unha alarma no centro de Pontevedra
Por Redacción
Ás 19:20 horas deste venres 19, un veciño alertaba da presenza de fume na zona superior do edificio número 30 da rúa Peregrina. Rapidamente, os Bombeiros e a Policía local desprazábanse ata ese punto da cidade que, neses momentos, estaba ateigado de paseantes, ademais de numerosos clientes situados na terraza da cafetería que se atopa no baixo do inmoble.
Ata o lugar achegábanse dous camións grandes e un vehículo pequeno do Parque de Bombeiros mentres a policía procedía a acordoar o perímetro do edificio para evitar que puideran producirse danos aos peóns. Pero, segundo as fontes policiais e da dotación de bombeiros, fíxose unha exploración no interior do inmoble portando unha mangueira pero non se detectou ningún conato de incendio.
A presenza das forzas policiais e dos bombeiros fixo que numerosas persoas se achegasen ata a zona para ver a intervención. Tras realizar unha inspección exhaustiva no interior do edificio decidiuse levantar o límite de seguridade.