A homenaxe ás vítimas do nazismo será no Teatro Principal ante a previsión de chuvias
Por Redacción
Finalmente, o Teatro Principal será o espazo que acolla o acto de homenaxe aos pontevedreses vítimas do nazismo durante o vindeiro sábado 6 de abril, ás 12.30 horas.
A concellería de Patrimonio Histórico, que organiza esta actividade, decidiu realizalo nun espazo cuberto ante a previsión de chuvia durante esa xornada. Inicialmente estaba previsto que se celebrase nas Ruínas de San Domingos.
Manuel Coto Martínez, Urbano Sanmartín Abilleira, Antonio Gómez Torres, Claudio Tizón Vázquez, Macario Cortegoso Rodríguez (Julio) e Manuel Pérez Taboada son os nomes dos seis veciños do Concello de Pontevedra que, segundo as listaxes oficiais, foron confinados nos campos de concentración nazis. Só Macario Cortegoso e Manuel Pérez lograron sobrevivir.
No acto participarán o historiador Xosé Álvarez Castro, a escritora Montse Fajardo, un familiar de Pérez Taboada e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.