O xurado declara culpable ao acusado do crime da rozadoira da Cañiza
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O xurado que xulgou o coñecido como crime da rozadoira da Cañiza na Audiencia Provincial de Pontevedra declarou ao acusado culpable de dar morte ao seu veciño, José Carlos Álvarez, e de tentar darlle morte á filla deste, Jessica Álvarez, atacándoos a ambos cunha rozadoira. Considera que no caso do pai, non lle deixou ningunha posibilidade de defenderse, pero que si tivo esa oportunidade a súa filla, que quedou gravemente ferida e ten secuelas físicas e psíquicas.
Os membros do tribunal popular alcanzaron ese veredicto de culpabilidade por unanimidade tras dous días enteiros de deliberacións. Tras encerrarse a deliberar sobre as 14.15 horas deste luns, leron finalmente o veredicto ás 20.30 horas da tarde deste martes.
O veredicto tamén é unánime ao considerar que, no momento do ataque aos seus veciños, o acusado, José Luis Viéitez Alonso, tiña "parcialmente diminuídas" as súas capacidades mentais. En concreto, tiña diminuída de forma severa a súa capacidade para controlar os impulsos e de forma moderada a capacidade para percibir a realidade tal e como é.
O xurado considera probado que o acusado e a súa vítima tiñan unhas malas relacións previas por conflitos de lindes e pola titularidade dun camiño e xa tiveran denuncias cruzadas, unha delas que acabou nunha sentenza que conclúe que o agora falecido agrediu ao acusado cunha barra de ferro na cabeza e que o día dos feitos, o 17 de xuño de 2017, sobre as 10.30 horas da mañá, o acusado atopábase cunha rozadora na man no camiño da disputa cando os seus veciños saíron da súa casa, avanzaron cara a el e a filla agrediulle cun móbil na cabeza ou, polo menos, ambos lle rodearon.
A partir desa acción, el aproximou a rozadora primeiro ao seu veciño cortándolle a punta do nariz e, cando lle deixou ferido e con dificultades para respirar, á súa filla, que, para defenderse, sacou o seu teléfono móbil para gravarlle. Tras agredir á moza, que tiña 22 anos, e cando o pai tentou escapar, deixou de atacala a ela para perseguirlle e atacarlle a el, ao que deu un golpe na cabeza "mortal de necesidade".
O xurado mantén que actuou "para matarlles ou, polo menos, sabendo que podía matarlles" e que José Carlos "non tivo ningunha oportunidade de defenderse de maneira efectiva", pero que a súa filla si, pois reacción sacando o seu teléfono móbil porque no pasado servíralle como elemento defensivo, aínda que nesta ocasión non parou ao seu veciño. Segundo o xurado, á vez que sacou o móbil, "puido tomar outra decisión" para defenderse doutra forma.
Segundo o veredicto, o acusado tiña un coeficiente intelectual límite, xa estivera a tratamento psiquiátrico e sufría, polas súas malas relacións de "hostilidade e conflito" previas co seu veciño, un trastorno de tensión postraumática non diagnosticado que motivou que sentise o avance dos seus veciños cara a el como un ataque, revivise o trauma e reaccionase con "un estalido de medo e agresividade".
En base a este veredicto de culpabilidade, o fiscal do caso, Juan Sagredo, pediu á presidenta do tribunal da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, que considera a José Luis Vieitez acusado dun delito de asasinato e doutro de lesións con deformidade e que o condene a 14 anos de prisión polo primeiro e a catro polo segundo, isto é, 18 anos. Á vista da conclusión do xurado sobre as súas capacidades mentais, solicita que se lle aplique a circunstancia atenuante moi cualificada da súa responsabilidade penal de trastorno mental.
O avogado da acusación particular, David Alén Garrido, cre que os feitos relatados polo xurado son constitutivos de dous delitos de asasinato, un deles consumado e outro en grao de tentativa e que por elllo o acusado debe ser condenado a 20 anos de prisión polo primeiro e 11 anos, dous meses e 29 días polo segundo, isto é, 31 anos, dous meses e 29 días. No seu caso, tamén recoñece unha circunstancia atenuante.
A avogada defensora, Isabel Teijeira Rodríguez, realiza a interpretación máis benévola para o seu cliente, segundo a cal sería culpable dun delito de asasinato consumado e doutro de homicidio en grao de tentativa e que, ao aplicarlle a ambos a circunstancia atenuante moi cualificada de responsabilidade penal, debería ser condenado á pena mínima recollida para ambos os delitos rebaixada en dous graos, isto é, 3 anos e nove meses polo primeiro e un ano e tres meses polo segundo, en total, 5 anos.
Relacionadas:
-
Confirman a pena de 17 anos de cárcere para o autor do crime da rozadoira
Por Redacción |
-
Condenado a 17 anos de prisión por asasinar o seu veciño cunha rozadoira na Cañiza
Por Natalia Puga |
-
Malestar polo trato ao xurado do crime da rozadoira: sen auga en todo o día e ás once da noite sen hotel
Por Natalia Puga |
-
Os forenses do crime da rozadoira detectan no acusado unha "diminución importante da súa capacidade de controlar os seus impulsos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A filla do falecido no crime da rozadora: "Sen mediar palabra, cortoulle a punta do nariz ao meu pai"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A defensa do acusado de matar o seu veciño cunha rozadoira alega que o invadiu "un profundo medo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Un tribunal popular xulgará na Audiencia de Pontevedra o crime da rozadoira da Cañiza
Por Natalia Puga |