Un grupo de profesores polacos de intercambio visita Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os centros educativos IES Xunqueira II e o CEIP Froébel de Pontevedra recibiron este luns á delegación da cidade polaca de Bedzin, con quen levan un ano traballando dentro do proxecto europeo educativo Comenius Regio.
No acto, que se desenvolveu no salón de actos do IES Xunqueira IIda cidade do Lérez, estiveron presentes o xefe territorial de Cultura e Educación, César Pérez Ares, así como a responsable de Cultura na Deputación de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez, e o concelleiro de Educación de Pontevedra, Agustín Fernández.
A delegación polaca está composta por seis profesores e cinco membros da administración local de Bedzin. Esta mañá asistiron a unha conferencia sobre o Camiño Portugúes, ofrecida polo presidente da Asociación de Amigos deste Camiño, Celestino Lores.
Ademais, os membros da delegación polaca tamén participaron na entrega de premios e diplomas aos nenos de ambos centros pontevedreses que obtiveron os primeiros postos no concurso de fotografía sobre Galicia. "Trátase dunha das actividades que se realiza en colaboración cos centros educativos polacos ", explicou a directora do Xunqueira II, Cristina López Gago.
Entre as actividades que se desenvolven dentro deste programa se atopan encontros, intercambios de persoal, visitas de estudo, conferencias, seminarios e obradoiros, así como escolas de verán, campañas de sensibilización, publicacións, preparación lingüística e cooperación en rede.