Un novo mural enche de natureza o peche do colexio Cordo Boullosa
Por Redacción
Primeiro foi o mural das troitas nas escaleiras do Concello e agora unha nova intervención artística vén a embelecer outro espazo urbano de Ponte Caldelas, o valado de peche do colexio Cordo Boullosa, que a partir de agora estará cheo de natureza.
O traballo volveu estar a cargo da artista plástica de Baiona Lula Goze, que atesoura intervencións en diversos lugares de España, pero tamén en Bélxica, México, Estados Unidos (Nova York e Virxinia), Suecia, Portugal, Alemaña, Irlanda e Azerbayán.
A artista plasmou neste muro unha alegoría da infancia por medio de niños de paxaros, que chegan á vida para aprender a voar sos.
O pano inclúe tamén copias realistas dos petróglifos de Ponte Caldelas, entre as que destacan algunhas das insculturas máis coñecidas da área arqueolóxica de Tourón.
O muro foi limpado pois presentaba humidades e tratado cunha imprimación antes da aplicación da pintura, primeiro a brocha e logo con aerosois, cun estilo claramente urbano.