Un centenar de cirurxiáns reúnense no Hospital de Montecelo para a visualización de operacións en directo
Por Olaya Madrigal
Hoxe celébrase a primeira xornada de Cirurxía Coloproctolóxica no Hospital de Montecelo, un foro científico no que un centenar de profesionais de distintos puntos de España e Portugal teñen a oportunidade de reunirse para actualizar os seus coñecementos sobre o manexo da fístula perianal.
A convocatoria foi organizada polo servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva, cuxo encargado é o doutor Alberto Parajó, que buscaba a creación dun espazo de progreso científico e de divulgación no campo da Cirurxía Colorrectal.
Coa pretensión de ser unha experiencia enriquecedora e que xere un debate entre os participantes, o coloquio contará coa transmisión de catro operacións en directo no salón de actos do hospital, permitindo que os asistentes poidan interactuar en tempo real cos cirurxiáns que as realizan.
Ao longo da tarde, celebraranse tamén dúas mesas redondas e unha conferencia para que os invitados á xornada poidan refrescar e compartir os fundamentos anatómicos e de diagnóstico por imaxe, ademais da presentación das distintas técnicas.