Sae a información pública a reforma da estrada PO-504 entre Vinquiño e Gondar
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de mellora de seguridade viaria na estrada de titularidade autonómica PO-504, ao seu paso polo Concello de Sanxenxo, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo citado proxecto.
As persoas interesadas poderán presentar alegacións a este documento dende o vindeiro luns día 25 e ata o 8 de maio.
O proxecto prevé actuar no tramo de 1,7 km, entre Vinquiño e ata o inicio de Gondar. Entre as principais actuacións proposta está a execución de 2 glorietas en dous cruces no que a estrada PO-504 conflúe cos viais provincias EP-9206 e EP-9204, por ser os treitos nos que se rexistran mais accidentes.
As novas glorietas situaranse nos cruces que comunican cos camiños O Santo e O Carballo e á entrada de Gondar. A intervención prevé executar pequenas cuñas de cambio de velocidade nas interseccións con outros viais e incluirá melloras nos pasos de peóns, limitando o aparcadoiro nos 10 metros anteriores para mellorar a súa visibilidade.
Tamén está prevista a mellora das paradas de autobús e o reforzo da sinalización horizontal e vertical.