A Plataforma de San Salvador denuncia a situación "insustentable" desta parroquia
Por Oskar Viéitez
A Plataforma de Afectados de San Salvador culpou ao alcalde de Poio do "abandono" desta parroquia.
O portavoz desta plataforma Sergio Pereira, referiuse ao incendio sufrido este domingo polo Hotel Los Castros e pediu ao goberno local que actúe para solucionar o "grave perigo" que supón este inmoble.
Suxire ao Concello de Poio que acuda, se é necesario, á execución forzosa e mesmo que impoña multas coercitivas ao propietario do edificio.
Sergio Pereira asegura que en San Salvador "están a sucederse moitas denuncias por roubos nesta parroquia, casas okupadas, barrios en perigo de situación marxinal -como é o caso de Portosanto-, a delincuencia crece a pasos axigantados, o trapicheo está á orde do día e non vemos nin máis seguridade nin preocupación por parte do Alcalde".
Para atallar esta situación "insustentable" demanda un "servizo nocturno" de Policía Local e a comarcalización do Servizo de Extinción de Incendios "para que en todo momento poidan acudir os Bombeiros de Pontevedra a Poio".