Enésimo incendio no interior do abandonado Hotel Los Castros
Por Oskar Viéitez
O Hotel Los Castros volveu a sufrir outro incendio. Nesta ocasión os Bombeiros de Pontevedra e O Salnés, Protección Civil e a Policía Local de Poio tiveron que intervir este martes festivo ao mediodía ante un lume na última planta deste inmoble abandonado.
Segundo informou a Policía Local arderon varios colchóns que estaban apilados produciéndo unha pequena explosión da uralita que estaba situada encima.
No momento do incendio non se atopaba ninguén dentro do edificio que se atopa tapiado.
A Policía Local cre que alguén puido acceder ao interior saltando pola parte traseira. Xa se iniciou unha investigación sobre o sucedido sobre a hipótese de que o lume foi intencionado e que unha persoa atopábase no lugar unha hora antes do incendio. Tamén hai evidencias de que algúns individuos pernoitan no interior do antigo hotel.
Durante os labores de extinción estivo cortado un dos carrís da PO-308.
Por mor deste suceso o Partido Popular pediu unha "actuación inmediata para paliar a inseguridade e a deterioración urbana de San Salvador".
Os populares reclaman ao goberno local que tome medidas con este edificio e outros abandonados na parroquia e demandan "unha revisión de todas as vivendas e edificios deteriorados e baleiros e outros utilizados por toxicómanos e indixentes ".
O portavoz do PP Ángel Moldes lembra que "nos últimos meses e anos multiplícanse as denuncias por roubos, falta de seguridade, e unha crecente marxinalización de zonas como Portosanto e outras na parroquia máis poboada e urbana do municipio".