A Xunta apela á concienciación das empresas para reducir os residuos industriais
Por Oskar Viéitez
As conselleiras de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, apelaron á "concienciación, implicación e acción" das empresas galegas para reducir as 2,4 toneladas de residuos industriais producidas en Galicia cada ano.
Tamén animaron a activar a "conciencia medioambiental" das empresas coma un "instrumento imprescindible" para afrontar a loita contra o cambio climático e os retos ambientais do século XXI.
Ángeles Vázquez fixo fincapé na prevención e na valorización dos residuos e destacou que a implantación dun novo modelo máis sostible permitirá á Comunidade a acadar os obxectivos que establece o Plan de Xestión de Residuos Industriais (PRIGA 2016-2022).
Vázquez e Quintana visitaron este mércores no polígono pontevedrés do Campiño as novas instalacións de Numarsi, unha empresa dedicada á elaboración e procesado de peixe que apostou pola innovación tecnolóxica reducindo a pegada ambiental e avanzando cara os principios que impulsan a economía circular.
A conselleira de Medio Ambiente avanzou que o goberno galego aprobará este mesmo ano a Estratexia Galega de Economía Circular e que o seu departamento traballa na nova Lei de Residuos e Solos Contaminados, que fomentará a prevención e a reutilización dos residuos e intensificará a loita contra os plásticos, fixando como meta concreta reducir nun 15% os residuos producidos en 2025, fronte ao 10% da lei básica estatal.
Ambas iniciativas completaranse coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050, que contará co primeiro Plan Operativo desta Estratexia para o período 2019-2023.
Ángeles Vázquez salientou que é precisa a "implicación da sociedade e do sector produtivo" para avanzar neste camiño, que a administración "non pode percorrer en solitario".