Os socialistas afirman que Cerdedo-Cotobade incumpre a norma de gasto en máis de 840.000 euros
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal do Partido Socialista en Cerdedo-Cotobade asegura que un informe municipal de Intervención confirma as súas sospeitas de que o gasto do concello "é desmesurado e está totalmente descontrolado".
Dito informe de Intervención, segundo o PSdeG, revela que este concello incumpre o límite da regra de gasto nun importe de 841.160,69 euros. Afirman que isto obrigará á administración municipal a aprobar un Plan Económico Financieiro que permita no presente exercicio de 2019 e no de 2020 cumprir co obxectivo de estabilidade orzamentaria, de débeda pública e de regra de gasto.
Os socialistas admiten que Cerdedo-Cotobade goza dunhas contas saneadas e dispón de importantes ingresos da Deputación de Pontevedra e do fondo de fusións, que lle permitiría poder facer unha boa xestión sen necesidade de ter que acudir a un Plan Económico Financieiro, pero alertan da xestión do alcalde Jorge Cubela e dín que "dende fai un meses, e ante a proximidade das eleccións municipais, Cubela está a facer un gasto descontrolado".
Coma exemplo citan que o pago a proveedores pasou de facerse en 13 días a 43 días. "Isto sucede pola falta de previsión e a falta de control no gasto".
"É lamentable que o alcalde saia na prensa falando do superavit de 1,3 millóns de euros de remanente respecto ao segundo orzamento despois da fusión e que omitise datos tan importantes como este Plan Económico Financieiro. O máis preocupante é que cando o concello deixe de recibir diñeiro do fondo de fusión, que será en breve, entrará nun estado de bancarrota, posto que logo da fusión contamos con moitas máis infraestruturas, estradas e demandas veciñais que serán imposibles de manter", di o grupo municipal do Partido Socialista.