Acometen obras de urxencia na estrada de As Sinas
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra está a realizar obras na estrada provincial de As Sinas no Concello de Vilanova para solucionar, pola vía de urxencia, un problema de estabilidade e de posible desprazamento da base da estrada e do saneamento municipal.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, informou que a actuación foi solicitada polo goberno local para un treito puntual no que as mareas vivas fixeron que o noiro de contención da vía estivese en risco de caída e que as canalizacións de fecais do Concello tivesen risco de rotura.
Benítez sinala que esta actuación de emerxencia foi atendida polo departamento de Mobilidade ante o informe da Policía Local coa máxima celeridade. Fixéronse para iso os trámites oportunos ante o servizo de Costas solicitando a autorización para a obra e iniciouse esta pola vía de urxencia cos medios propios da área de Conservación Viaria.
Queda aberta, en calquera caso, a posibilidade de realizar a medio prazo unha actuación global no conxunto da vía por medio dun procedemento ordinario de tramitación e non de urxencia, xa ben cun convenio co Concello de Vilanova ou a través doutras fórmulas, pero descartando absolutamente aproveitar que as máquinas están no lugar a día de hoxe para realizar melloras sen proxecto e sen autorizacións sectoriais.
Costas limitou os traballos en marcha á construción dun muro de contención e dun novo sobreancho de dous metros, condicionando actuacións futuras.