Sete días de música e lume nas festas de San Xoán de Poio
Por Oskar Viéitez
O sábado 15 de xuño, Poio prenderá o chupinazo de inicio das Festas de San Xoán, unha semana de festas, música e lume.
O programa festivo foi presentado este venres polo alcalde de Poio, Luciano Sobral e a concelleira de Festas, Marga Caldas. Son sete días de "festa rachada", que para o rexedor supón un "non parar ata decembro, porque aí veñen a Festa do Mar, da Ameixa, das parroquias, de Colón, o Mexilón, a Rapa das Bestas, a Castañaasí seis meses seguidos ata o Nadal".
Para San Xoán o goberno axustou un pouco máis o orzamento "un 20% menor respecto ao ano pasado" pero tendo presente a importancia deste evento para a economía do municipio e tamén para o estado de ánimo da xente.
O goberno local de Poio traballou nunha programación que arrinca o día 15 de xuño coa inauguración da Mostra de Canteiros no Casal de Ferreirós e o Certame de Canto Coral no mosteiro. Nesta edición, que é a décimo sexta, contarase coa participación das corais polifónicas San Ginés de Padriñán (Sanxenxo), O Peirao de O Freixo (Outes), Asociación Airiños (Campañó) e a anfitriona, é dicir, a Coral de Poio.
O día seguinte, o domingo, celebrarase o VIII Festival de Intercambio Folclórico promovido pola Asociación Cultural Vides Novas de San Salvador, no que participarán os grupos Xiada da Pobra do Caramiñal, Paradanda do Grove, Vos de Deus e Folk Medieval. O festival se desenvolverá no local da Comunidade de Montes de San Xoán (na Seca).
O cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor galego, Xurxo Souto, é o pregoeiro. O sábado 22 fará a lectura desde o balcón da Casa Consistorial ao son da Banda de Música de Arcade e a Banda de Gaitas de Poio. Nese mesmo acto entregaranse os premios aos gañadores do concurso de carteis das festas e aos deportistas destacados da tempada.
O domingo 23, fogueira e sardiñada popular na Seca. As sardiñas ao prezo de sempre, 2 euros, e con dereito a repetir ata fartar. Encargaránse máis de 400 quilos de sardiñas. E logo a verbena nocturna amenizada polas orquestras American Top e Estrellamar.
O día grande será o luns 24 e o programa da xornada incluirá unha misa solemne en honra a San Xoán cantada pola Coral de Poio e seguida por un concerto da Banda de Música Cultural de Arcade. Pola noite actuarán La Bámbola e Marbella.
O martes 25, a misa solemne dedicaráselle a Santa Trahamunda e contará co acompañamento da Coral Virxe de Fátima. O concerto no campillo correrá a cargo da Banda de Música de Meaño. A continuación, levará a cabo a subida a San Martiño e pola noite haberá unha gran verbena coas orquestras Manila e Panorama.
Os festexos concluirán o mércores 26, cunha nova misa solemne, neste caso dedicada a San Fructuoso e cantada pola Coral Virxe da Renda. A Banda de Música de Salcedo porá a nota musical A partir das 22.00 horas tocaralle a quenda a orquestras Sintonía e Costa Oeste. Unha sesión de fogos de artificio porá o broche de ouro ás festas.
Ademáis, varios grupos folclóricos do municipio (a Escola de Música Tradicional, Os Berberechiños e Vides Novas) animarán as rúas coas súas 'dianas e alboradas' durante as mañás do domingo e o luns.