Xurxo Souto prende o lume para os días centrais do San Xoán de Poio
Por Diego Torrado
A festa xa se vive en Poio dende o sábado 15 de xuño, pero este sábadoXurxo Souto deu o chupinazo de inicio dos días centrais de San Xoán. Co pregón do cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor da Radio Galega chegaron os días da 'festa rachada' e o lume.
Souto exerceu de pregoeiro dende o balcón da Casa Consistorial ao son da Banda de Música de Arcade e a Banda de Gaitas de Poio nun acto no que o acompañou o alcalde, Luciano Sobral, e que sirivió para entregar os premios aos gañadores do concurso de carteis das festas e aos deportistas destacados da tempada.
Este domingo a festa cobra viveza con cacharela e sardiñada popular na Seca. As sardiñas ao prezo de sempre, 2 euros, e con pleno dereito a repetir ata fartar, pois se encargaron máis de 400 quilos. E logo a verbena nocturna amenizada polas orquestras American Top e Estrellamar.
O día grande será o luns 24 e o programa da xornada incluirá unha misa solemne en honra a San Xoán cantada pola Coral de Poio e seguida por un concerto da Banda de Música Cultural de Arcade. Pola noite actuarán La Bámbola e Marbella.
O martes 25, a misa solemne dedicaráselle a Santa Trahamunda e contará co acompañamento da Coral Virxe de Fátima. O concerto no campillo correrá a cargo da Banda de Música de Meaño. A continuación, levará a cabo a subida a San Martiño e pola noite haberá unha gran verbena coas orquestras Manila e Panorama.
Os festexos concluirán o mércores 26, cunha nova misa solemne, neste caso dedicada a San Fructuoso e cantada pola Coral Virxe da Renda. A Banda de Música de Salcedo porá a nota musical A partir das 22.00 horas tocaralle a quenda a orquestras Sintonía e Costa Oeste. Unha sesión de fogos de artificio porá o broche de ouro ás festas.
Ademáis, varios grupos folclóricos do municipio (a Escola de Música Tradicional, Os Berberechiños e Vides Novas) animarán as rúas coas súas 'dianas e alboradas' durante as mañás do domingo e o luns.