Detido por agredir a súa moza e ameazar a súa avoa cunha pistola
Por Natalia Puga
A Policía Local detivo un veciño de Pontevedra de 28 anos por presuntamente agredir a súa noiva en plena rúa, ameazar a avoa da rapaza cunha pistola e por resistirse a identificarse e ser detido polos axentes municipais.
Segundo informou a Policía Local, a detención produciuse sobre as 13.30 horas do martes 4 de xuño. Unha patrulla que realizaba tarefas de prevención da seguridade cidadá polo centro da cidade foi abordada por varios transeuntes que lle indicaron que acababan de ver a un home agredindo unha muller.
Os viandantes relataron aos policías que o suposto agresor era un varón corpulento e sen pelo e agredira a súa parella pola rúa ata que ambos os dous se meteron no portal do edificio no que residen no sexto piso.
Os axentes dirixíronse ao domicilio da parella e encontráronse con que a porta estaba aberta e se escoitaban berros dunha muller no interior. Entraron na casa e cruzáronse coa avoa da presunta vítima para, inmediatamente, ver a rapaza saír chorando dun cuarto e dirixirse a un cuarto de baño.
Os policías locais escoitaron berros dentro da casa e, pouco despois, presenciaron unha pelexa entre a parella
Nese momento saíu do mesmo cuarto o suposto agresor, co torso nu e visiblemente alterado. Cando viu os axentes, indicoulles que abandonaran a súa vivenda. Inmediatamente despois, a rapaza saíu do cuarto de baño e enleouse nunha pelexa co home na que se deron golpes e empuxóns ata que os policías os separaron.
Nese momento, a rapaza relatou aos axentes que baixara a un bar próximo a buscar á súa parella e empezaron unha discusión, pero negou que fose agredida e rexeitou presentar unha denuncia. Os axentes observaron que presentaba un hematoma no pómulo esquerdo e solicitaron a presenza dunha ambulancia, pero a rapaza rexeitou recibir asistencia sanitaria.
Mentres todo isto sucedía o suposto agresor púxose violento, relatou aos policías que non pasara nada e volveu instalos a abandonar a súa vivenda. Os policías pedíronlle que se identificasen, pero negouse e, cando intentaron detelo, opuxo resistencia. Finalmente, foi trasladado á Comisaría da Policía Nacional.
Un axente da Policía Local quedou na casa na que sucedera todo e entrevistouse coa avoa da rapaza. Esta relatoulle que o detido a ameazara cunha pistola que escondía nun caixón no seu cuarto. A citada arma foi localizada pola Policía Local e resultou ser unha pistola simulada de balotes. Ademais, os axentes encontraron no portal do edificio un martelo e a camiseta do presunto agresor.