Telmo Martín necesita un plan de usos do porto de Portonovo para poder desenvolver a súa reforma
Por Oskar Viéitez
O sábado reuníronse no Concello de Sanxenxo o patrón maior de Portonovo, o presidente do club náutico, o concelleiro de infraestruturas e o alcalde co obxectivo de impulsar a redacción do plan de usos do porto de Portonovo.
Trátase dun documento imprescindible para acometer unha remodelación e unha mellora en profundidade no porto. Por tanto, tamén para poder desenvolver o proxecto de reforma previsto na zona portuaria de Portonovo, que o alcalde presentou á Conselleira de Mar e ao presidente de Portos en novembro.
Posteriormente, presentouse a todos os colectivos da vila mariñeira en oito reunións mantidas na Casa de Don Fernando.
A tramitación e aprobación dun plan de usos require dun prazo nunca menor de nove meses, pois é un documento que establece o que se pode e o que non se pode facer no porto. Require, por tanto, o consenso de varias administracións, a súa aprobación inicial e posterior exposición pública, antes de poder aprobarse definitivamente.
O compromiso adquirido polo goberno consistía na presentación dun anteproxecto e o seu consenso coas administracións competentes e os colectivos económicos e sociais da vila mariñeira. Isto é precisamente o que solicitou a consellería ao alcalde en novembro cando coñeceron o anteproxecto.
Relacionadas:
-
O goberno local acorda crear un grupo de traballo con todos os implicados no porto de Portonovo
Por Oskar Viéitez |
-
Para Telmo Martín, o alto custo do proxecto de Portonovo "non é un inconveniente, máis ben o contrario"
Por Redacción |
-
Así é o proxecto de Telmo Martín para o porto de Portonovo
Por Oskar Viéitez |