Así é o proxecto de Telmo Martín para o porto de Portonovo
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, mostrou este mércores o proxecto de remodelación do porto de Portonovo que supoñerán "un antes e un despois" na historia da vila.
Nunha comparecencia de prensa, ensinou o anteproxecto deseñado por un equipo de arquitectos de Portonovo que agora irá presentando a diferentes colectivos sociais. "Este proxecto é imposible levalo a cabo se non ten o apoio da maioría das persoas"
Segundo os cálculos de Telmo Martín estímase que este proxecto custará "por encima dos 20 millóns de euros".
O alcalde explicou que se ampliará e mellorará o espazo para a actividade pesqueira, crearanse amplos espazos públicos e zonas verdes e habilitaranse novas prazas de aparcadoiro. Tamén está previsto ampliar as instalacións náutico-deportivas.
No porto pesqueiro dispoñerase un control de acceso, 30 locais para mariñeiros, aparcadoiro de 191 prazas e un mellor acceso para vehículos pesados.
Na rúa Rafael Picó humanizarase a Praza da Boca do Río (900 metros cadrados). O máis rechamante é o novo paseo marítimo e a súa prolongación polo dique do porto pesqueiro.
Haberá un parking subterráneo para 308 prazas. A praza pública e as zonas verdes sumarán unha superficie total de 15.000 metros cadrados.
En canto ao porto deportivo tamén contará cun centro de piragüismo e deportes náuticos e o Museo da Dorna. Finalmente arranxarase a zona de embarque turístico cara ás illas Ons e Cíes.
Relacionadas:
-
O goberno local acorda crear un grupo de traballo con todos os implicados no porto de Portonovo
Por Oskar Viéitez |
-
Telmo Martín necesita un plan de usos do porto de Portonovo para poder desenvolver a súa reforma
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE pide información sobre o proxecto para o porto deportivo de Portonovo
Por Oskar Viéitez |
-
Para Telmo Martín, o alto custo do proxecto de Portonovo "non é un inconveniente, máis ben o contrario"
Por Redacción |
-
O BNG acusa a Telmo Martín de "capitanear a privatización do porto de Portonovo"
Por Redacción |