Deteñen á autora dun lume que queimou 2,6 hectáreas e puxo en perigo vivendas en Lérez
Por Redacción
A investigación aberta o 22 de setembro para dar co responsable do incendio que arrasou con 2.600 metros cadrados de superficie de monte raso na parroquia pontevedresa de Lérez e puxo en perigo as vivendas das proximidades deu os seus froitos. A Policía Autonómica detivo á suposta autora.
O lume que se lle imputa iniciouse no lugar do Arco, parroquia de San Salvador de Lérez, "como consecuencia dun escape de queima de restos forestais na que non se adoptaron as precaucións debidas", segundo informou a Consellería de Presidencia nun comunicado.
Na extinción do lume participaron un axente forestal, unha cuadrilla, unha motobomba do Servizo de Extinción de Incendios da Xunta de Galicia e unha motobomba dos bombeiros de Pontevedra. Segundo saiu a relucir o día do incendio, os fortes refachos de vento decontrolaron a queima e dificultaron a extinción do incendio, que se prolongou durante unos 40 minutos.
A muller foi detida por axentes da Xefatura Provincial de Pontevedra da Policía Autonómica, que remitiu as diligencias tramitadas ao Xulgado de Garda de Pontevedra. Con este arresto, elévanse a 104 as persoas detidas no que vai de ano por este Corpo policial por delitos relacionados con incendios forestais.