![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/50c99f3edd7d3-c789ca5113bef481a77bf1ec61599bd7.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
As policías Local e Nacional coordinan os dispositivos de seguridade de cara ao verán
![Natalia](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/9b5/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/577f8fbb69-hkm23_ri.jpg)
Por Natalia Puga
O comisario xefe da Policía Nacional de Pontevedra, Guillermo Sánchez, e o intendente principal da
Policía Local , Daniel Macenlle, mantiveron este xoves unha reunión de coordinación coa que estableceron unha estratexia conxunta para garantir a seguridade no concello capitalino de cara ao verán.Segundo indicaron fontes policiais, a reunión de coordinación celebrouse na Comisaría Provincial da Policía Nacional da rúa Joaquín Costa e contou coa participación de mandos de ambos os dous corpos policiais.
O encontro serviu para establecer estratexias conxuntas e organizar os dispositivos de seguridade necesarios para a época estival, na que a poboación de Pontevedra aumenta e proliferan celebracións festivas e eventos deportivos, que neste ano estarán marcados, especialmente, polo paso da Vuelta Ciclista a España.
Os mandos policiais traballaron sobre a base dos balances de seguridade dos veráns anteriores e as previsións de eventos e celebracións previstos para este ano e estableceron formas de traballo e coordinación.
O obxectivo último é traballar con carácter preventivo, garantir a seguridade cidadá e minimizar os posibles incidentes e repuntes de criminalidade que se producen cada ano en época estival. Ademais, cada mando puxo sobre a mesa as súas dispoñibilidades de persoal.