Revisión bucodental gratuíta para as embarazadas pontevedresas durante o mes de xuño
Por Redacción
Durante este mes de xuño, as mulleres embarazadas poderán asistir, de xeito gratuíto, a clínicas dentais de Pontevedra para que lles revisen o estado da súa dentadura. Trátase dunha campaña que, baixo o título de Saúde Oral e Embarazo, somete as nais en estado de xestación a unha avaliación clínica na que recibirán información do risco que teñen de padecer algunha enfermidade bucodental e do tratamento máis recomendable.
Os dentistas recomendan ás embarazadas visitar o odontólogo polo menos unha vez e preferiblemente durante o segundo trimestre do embarazo. Os especialistas recomendan manter en boas condicións a boca durante os nove meses para ter un impacto positivo tanto no estado xeral da xestante coma do bebé.
Por parte dos odontólogos recomendan ás futuras nais que manteñan unha correcta hixiene dental, unha dieta equilibrada, evitar o tabaco e controlar a diabete. Con estas medidas pódense previr a carie e a xenxivite que son os principais problemas dentais que se sofren durante ese período. Entre o 60 e o 75% das mulleres enfróntanse a esas dúas enfermidades bucais.
Dende o Colexio oficial de dentistas recordan que o uso de amálgama ou resinas compostas utilizadas para tratar a carie non supón ningún risco nin para a nai nin para o bebé, e que as intervencións non cirúrxicas para tratar a enfermidade das enxivas son tamén seguras e efectivas. O mesmo acontece coas radiografías e coa maioría de fármacos requiridos en odontoloxía, incluídos os antiinflamatorios, antibióticos ou anestésicos locais comúns, que tamén poden utilizarse, de forma segura.
Para someterse a esta revisión, as mulleres interesadas deberán entrar na páxina web: www.dentistas.org/embarazo para comprobar as clínicas dentais adscritas á campaña e solicitar cita.