Conclúe a mellora do camiño de San Blas que facilitará a saída das praias de Marín
Por Redacción
O novo viario que facilitará a saída da zona de praias, especialmente durante o verán, é xa unha realidade.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada do concelleiro do rural Pablo Novas e de representantes da asociación de veciños de San Blas visitaron esta semana o lugar tras concluír a reforma.
Trátase dunha estrada que comunica o viario de praias coa PO-551 nas proximidades de Aguete.
Os traballos contaron cun orzamento de máis de 41.725 euros, un proxecto convertido en realidade segundo o goberno local grazas as cesións realizadas polos propietarios das leiras polas que discorría o camiño municipal.
Os seguintes obxectivos propostos en mobilidade polo Concello son a Senda de Bagüín a Seixo, actualmente en exposición pública, así como a senda da baixada a Aguete.