Vendedores e afiliados da ONCE coñecen a Eloy Hermelo, o seu novo director en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Redacción
O novo director da ONCE en Pontevedra presentábase este mércores aos afiliados e vendedores. Trátase de Eloy Hermelo Caamaño, natural de Cangas do Morrazo, que era presentado nun acto presidido por Manuel Martínez Paz, delegado territorial da ONCE en Galicia e polo presidente do Consello Territorial, Carlos Fernández.
Eloy Hermelo substitúe a Paula Calvete no cargo. A súa antecesora foi designada como directora da ONCE en Palencia. O novo director conta con problemas de visión desde o seu nacemento e afiliouse a ONCE en 1997 para dous anos máis tarde iniciarse como vendedor en Asturias, para despois trasladarse a Valencia e finalmente recalar na provincia de Pontevedra. Practica fútbol-sala adaptado e ciclismo en tándem a través da Federación Española de Deportes para Cegos.
Entre os seus obxectivos ten previsto reforzar a presenza da entidade na capital con actividades de integración e de participación en todas as actividades de tipo social, cultural e institucional. A Axencia de ONCE de Pontevedra conta con 450 persoas afiliadas á Organización e mantén un persoal conformado por 80 vendedores.