Vilaboa aproba parcialmente un PXOM que non resolve a inseguridade xurídica de 200 vivendas do litoral
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou este luns a orde de aprobación definitiva parcial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vilaboa, co que poderán legalizarse todas as edificacións afectadas por falta de ordenación nos núcleos rurais, pero non así as construídas na liña litoral despois de 1988, unhas 200 casas.
O alcalde de Vilaboa, José Luis Poceiro pediu á conselleira que inste a Costas do Estado para sentar a falar destas delimitacións coa redución de 100 metros da franxa do litoral. A conselleira comprometeuse a solicitar unha reunión técnica a tres bandas, Estado, Xunta e Concello cando comece unha nova lexislatura.
Ángeles Vázquez tamén informou a Poceiro, da necesidade de regularizar varias captacións de auga en certos núcleos; pois de non facelo, podería anularse o plan xeral ou o que é o mesmo, tirar pola borda o traballo realizado na súa tramitación durante os últimos 18 anos.
A redacción deste instrumento supuxo estudar en detalle a totalidade da superficie do termo municipal, case 37 quilómetros cadrados nos que o solo maioritario é de carácter rústico (un 84,9% do territorio), seguido polo solo de núcleo rural (un 13,73%), solo urbano (un 1,02%); e solo urbanizable, (un 0,35%).
Destaca a implantación dunha política de solo industrial coa creación dun sector de solo urbanizable estratexicamente situado en relación co sistema viario, así como a integración do termo municipal coa área funcional Pontevedra-Vigo e o aproveitamento da súa situación dentro da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Asemade, o planeamento prevé un total de 150.758 metros cadrados para o sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, un 18,95% máis do que esixe a Lei do solo, e reserva 71.564 metros cadrados para o sistema xeral de equipamento comunitario, un 69,4% máis do esixido pola Lei.
Relacionadas:
-
Reunión entre o alcalde de Vilaboa e Urbanismo da Xunta para regularizar a franxa litoral
Por Redacción |
-
A ordenación urbanística de seis núcleos de Vilaboa recibe o informe favorable da Xunta
Por Redacción |
-
Vilaboa levará a pleno a aprobación dos núcleos rurais pendentes da súa consolidación
Por Redacción |
-
Os comuneiros de San Martiño avanzan no seu plan para dotar a Vilaboa dun tanatorio
Por Oskar Viéitez |
-
Vilaboa saca adiante o Plan Xeral de Ordenación Municipal
Por Redacción |
-
Unha veciña de Vilaboa non irá a prisión se logra legalizar a súa casa ou demolela nun prazo de dous anos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |