Fai un duplicado da tarxeta de crédito do seu caseiro e estáfalle 3.614 euros
Por Oskar Viéitez
A Garda Civil concluíu coa detención dun veciño de Sanxenxo a investigación iniciada no mes de decembro tras recibirse unha denuncia no Posto Principal da mesma localidade dunha persoa que detectara que estaban a realizar cargos fraudulentos na súa conta corrente, que superaban os 3.000 euros.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, despois da denuncia interposta por un suposto delito de estafa os axentes puideron pescudar que os cargos bancarios realizáronse utilizando un duplicado da tarxeta de crédito do denunciante.
A investigación concluíu que o individuo que estaba a utilizar de forma ilegal esta tarxeta era unha determinada persoa a quen o denunciante lle alugou un piso en Sanxenxo. Para conseguila, o inquilino solicitou na axencia de aluguer unha copia do DNI de propietario da vivenda co pretexto de tramitar o seu empadroamento.
Aproveitando esta circunstancia utilizou a mesma copia do DNI, para xestionar a través do banco un duplicado da tarxeta de crédito do propietario do piso e con ela chegou a retirar un montante de 3.614 euros, a través de distintos caixeiros automáticos en Coslada (Madrid) e Sanxenxo.
As investigacións levadas a cabo no marco da denominada operación "Trueque" concluíron coa localización e detención desta persoa, de 50 anos de idade, ao que se lle atribúe a presunta comisión de senllos delitos de estafa e usurpación de estado civil, por facerse pasar polo verdadeiro titular da tarxeta que estaba a utilizar.
O detido quedou en liberdade en sede policial, coa obrigación de comparecer, cando sexa citado, no Xulgado de Instrución de garda de Cambados que entende do caso.