Escolares pontevedreses participan no deseño dun recreo inclusivo
Por Oskar Viéitez
O alumnado do Sagrado Corazón de Pontevedra, do Sagrado Corazón de Placeres e o CEIP de Cabanas achegaron ideas para converter o tempo do recreo nunha oportunidade lúdica e educativa que non exclúa por razóns de diversidade ou discapacidade.
Baixo o lema "Por min e por todos os meus compañeiros", a ONCE organizou este programa de sensibilización educativa co formato dun concurso. Arrincou o pasado mes de outubro coa intención de que a aula traballe de maneira activa o cambio de actitudes e os estudantes manteñan unha convivencia respectuosa, especialmente nese momento feliz do "cole", evitando que se converta no contrario.
A hora do recreo adoita durar entre 20 e 30 minutos. É o tempo suficiente para que un estudante senta á marxe dos seus iguais. Por iso, este concurso busca que os centros perciban o recreo como unha parte importante do seu proxecto educativo e non como unha simple paréntese na xornada lectiva. Desta maneira pódese converter nunha oportunidade educativa para a inclusión e a diversión.
Os gañadores absolutos desta edición, gozarán durante unha fin de semana en Madrid do Campus "Por min e por todos os meus compañeiros", no que vivirán actividades e experiencias innovadoras, con visitas culturais e talleres.