Barro reduce á metade a débeda herdada do anterior goberno
Por Redacción
O goberno local do Concello de Barro reduciu nun 57,5% a débeda herdada do anterior goberno.
Cando se produciu o cambio de goberno en xuño de 2015, o Concello de Barro tiña unha débeda de 1.250.774 euros e ao remate do mandato só se deberán 531.086, segundo informou o goberno local.
O equipo de goberno do alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes sinala que esta redución da débeda foi acompañada dunha "xestión económica rigorosa", que permitiu un importante aforro anual e, ao mesmo tempo, "executáronse investimentos por valor de 2.200.000 euros ao longo dos últimos tres anos".
O goberno municipal engade que nesta etapa foi capaz de executar unha gran cantidade de obras con eses investimentos "ao aplicar unha política transparente de contratación, espremendo ao máximo a execución de cada proxecto". Estas obras serviron para "resolver moitos problemas herdados, crear novos equipamentos e mellorar os servizos".
Máis de 800.000 euros deses investimentos foron executados con fondos propios do Concello, procedentes maioritariamente dos superávit das tres anualidades que acadaron unha media de 420.000 euros anuais.
Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, esta "rigorosa xestión económica, xunto coa transparencia e un control absoluto de todos os proxectos executados permitiu resolver moitos problemas históricos e poñer ao servizo dos veciños e veciñas novos equipamentos e servizos".