Denuncian sabotaxes en ambulancias do 061 en Montecelo na primeira xornada de folga no sector
Por Redacción
A Federación Galega de Empresarios de Ambulancias (Fegam) denuncia que os casos de sabotaxes a vehículos sanitarios que denuncian desde hai días en diversos puntos de Galicia chegaron este venres ao Hospital Montecelo de Pontevedra e ao Hospital do Salnés.
Estas supostas sabotaxes denunciadas pola patronal chegan no primeiro día de paros convocados polos sindicatos no medio do conflito laboral que manteñen para demandar un novo convenio colectivo. Este venres había convocados paros intermitentes e unha concentración na zona de urxencias de Montecelo e este sábado 9 e o luns 11 repetiranse accións de protesta. En total, trátase de catro xornadas de folga seguidas coas que demandan negociación.
Nesta primeira xornada de folga, as empresas concesionarias do transporte sanitario urxente en Galicia aseguran que foron obxecto de diversas sabotaxes en numerosos vehículos en Vigo, Cangas, Pontevedra, Vilagarcía e Ourense, o que "obrigou á substitución de moitos deles para evitar que a cidadanía se vise prexudicada por estes actos vandálicos".
En Pontevedra ocasionaron danos nun vehículo no Hospital Montecelo e houbo sabotaxes nunha ambulancia do transporte programado que estaba aparcada no Hospital do Salnés. Todas estes incidentes xa foron denunciados ante os organismos pertinentes, que se atopan recompilando probas e información para dar co autor ou autores dos feitos.
A Fegam insiste en que estes incidentes prodúcense nun momento crucial para o futuro das empresas adxudicatarias dos lotes do servizo de transporte sanitario urxente en Galicia, xa que o pasado mes de decembro formalizaron a súa renuncia ao concurso por deficitario e advertiron da imposibilidade de seguir garantindo o servizo máis aló do mes de marzo.
Á espera dun novo concurso, cuxa convocatoria anunciou hai uns días a Fundación 061, aínda que sen data, os empresarios reuníronse cos representantes dos traballadores para comunicarlles que neste escenario era imposible negociar un novo convenio colectivo.