O PP ve os orzamentos de Poio como o "colmo da mentira e da vergoña"
Por Redacción
Os populares de Poio non apoiarán os orzamentos municipais que BNG e PSdeG-PSOE acaban de presentar para o ano 2019. O seu portavoz, Ángel Moldes, considera que estas contas son o "colmo da mentira e da vergoña" e cre que supoñen unha "falta de respecto" aos veciños.
Moldes lamenta que o bipartito municipal "presuma" de proxectos que "saben que non van a levar á práctica", de iniciativas que "anuncian periodicamente" e que nunca chegan a executar ou de subvencións "que nin sequera saben se se lles concederá".
"Uns orzamentos son algo máis serio e non unha ferramenta de propaganda", lamenta o responsable do PP de Poio, que aprecia partidas "idénticas" ás do ano pasado que foron modificadas posteriormente porque "quedaban pequenas".
Para o voceiro popular, o orzamento para 2019 "non mira polas necesidades dos veciños" senón que están pensados en función dos intereses electorais de PSOE e BNG, cun reparto "discrecional" de subvencións nominativas para "castigar ou premiar" en ano de eleccións.
Ademais, fai fincapé na "falta de concreción" da meirande parte do presuposto.
A peor parte dos orzamentos, para os populares, é que "baixan 0 euros os impostos, non axudan as familias e non pensan nos veciños" e inclúen mesmo unha subida da recadación en case todos os impostos e taxas.
Ángel Moldes indicou que estes presupostos confirman que Poio "vai pasar todo un mandato sen baixar impostos e sen mellorar os servizos aos veciños" e certifican que estes últimos anos foron o "peor período de goberno da historia de Poio", levando "ao extremo" a política de "clientelismo" e de "vender fume".